Abaixo-Assinado (#49986):

1846 é para sempre. Abril, sempre!

Destinatário: O Povo Galego / O Pobo Galego

(gal. AGAL)

A decisom do Governo do Reino de Espanha de centralizar a resposta ao andaço da COVID-19, presente já desde o começo da gestom da crise polo PSOE (co apoio imprescindível do Podemos), acaba de ultrapassar umha linha vermelha ao impor a província como unidade territorial de base do desconfinamento. Umha medida qualificada de rídícula, alheia à nossa idiossincrasia e organizaçom territorial, rançosa em tanto nos retrotrai aos tempos da Ditadura franquista e, portanto, ineficaz na luita contra a pandemia. Porém, nom convém tomá-la de ânimo leve, visto que é umha decisom política que, além de pôr-nos em perigo, semelha ter a intençom, assemade, de esvaziar ainda mais de conteúdo e minorizar o já cativo sistema autonómico, com arelas recentralizadoras a cada mais manifestas.

A indignaçom na Catalunya e em Euskal Herria co devandito plano provincial de desconfinamento do “mando único” encabeçado polo Pedro Sánchez, é patente. Mas agora, precisamos que a indignaçom que nom duvidamos se sente por todo o território galego, se exprima com contundência. Sabemos que nom podemos contar coa Xunta de Galicia, sequestrada por Feijóo e o PP, visto que só pretendem traficar coa dor e co medo, para manobrarem e tirarem réditos na luita polo poder político em Madrid. Neste momento, precisamos que a nossa indignaçom pessoal ou coletiva pete em riba da mesa co espírito libertário, irmandinho e insurgente dum Antolín Faraldo que, noutro Abril esperançado, confrontou o oprobioso “provincianismo” centralista chamando à unidade galega, em especial “a essa classe singela que trabalha, a esse povo oprimido”, a defender un “provincialismo” anticolonial, desde umha “nacionalidade” cum aquel arredista:

“…Galiza, arrastando até aqui umha existência oprobiosa, convertida numha verdadeira colónia da corte, vai levantar-se da sua humilhaçom e abatimento… Espertando o poderoso sentimento de provincialismo, e encaminhando para um só fim todos os talentos e todos os esforços, chegará a conquistar Galiza a influência de que é merecedora, colocando-se no alto lugar a que está chamado o antigo reino dos suevos….” Antolín Faraldo, La Revolución, Santiago, 17 de Abril de 1846. Proclama de constitución da Xunta Provisional de Goberno de Galicia

Em definitivo, pretendemos que a nossa indignaçom se transforme num rejo chamamento aos partidos soberanistas e a toda a sociedade civil organizada, para que, desbotando inúteis divisons e retesias, enfrentem sem trégua qualquer tentativa de involuçom política ou territorial, e defendam sem fissuras a conquista da soberania dos povos que, neste intre, fam parte do Estado espanhol. Caso contrário, se permanecermos téped@s e resignad@s, a esperança esmorecerá sem remédio.

Viva Galiza ceive!
Viva a Revoluçom Galega de 1846!
Sempre Abril! Abril Sempre!

Na Galiza, 29 de Abril de 2020

- - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - -

(gal. ILG-RAG)

A decisión do Goberno do Reino de España de centralizar a resposta ao andazo do COVID-19, presente xa dende o comezo da xestión da crise polo PSOE (co apoio imprescindible de Podemos), ven de traspasar unha liña vermella ao impoñer a provincia como unidade territorial de base do desconfinamento. Unha medida cualificada de rídícula, allea á nosa idiosincrasia e organización territorial, rancia en tanto nos retrotrae aos tempos da Ditadura franquista e, xa que logo, ineficaz na loita contra a pandemia. Porén, non convén tomala á lixeira, posto que é unha decisión política que, ademais de poñernos en perigo, semella ter a intención, asemade, de baleirar aínda máis de contido e minorizar o xa cativo sistema autonómico, con arelas recentralizadoras a cada máis manifestas.

A indignación en Catalunya e no País Basco co devandito plano provincial de desconfinamento do “mando único” encabezado por Pedro Sánchez, é patente. Mais agora, precisamos que a indignación que non dubidamos se sinte por todo o territorio galego, se exprese con contundencia. Sabemos que non podemos contar coa Xunta de Galiza, secuestrada por Feijoo e o PP, posto que só pretenden traficar coa dor e co medo, para manobrar e tirar réditos na loita polo poder político en Madrid. Arestora, precisamos que a nosa indignación persoal ou colectiva pete enriba da mesa co espírito libertario, irmandiño e insurxente dun Antolín Faraldo que, noutro Abril esperanzado, confrontou o oprobioso “provincianismo” centralista chamando á unidade galega, en especial “a esa clase sinxela que traballa, a ese pobo oprimido”, a defender un “provincialismo” anticolonial, dende unha nacionalidade cun aquel arredista:

“…Galicia, arrastrando ata aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai levantarse da súa humillación e abatemento….Espertando o poderoso sentimento de provincialismo, e encamiñando á un só fin todos os talentos e todos os esforzos, chegará á conquistar Galicia a influencia de que é merecedora, colocándose no alto lugar á que está chamado o antigo reino dos suevos….” Antolín Faraldo, La Revolución, Santiago, 17 de Abril de 1846. Proclama de constitución da Xunta Provisional de Goberno de Galicia

En definitiva, pretendemos que a nosa indignación se transforme nun rexo chamamento aos partidos soberanistas e á toda a sociedade civil organizada, para que, desbotando inútiles divisións e retesías, confronten sen tregua calquera tentativa de involución política ou territorial, e defendan sen fisuras a conquista da soberanía dos pobos que, neste intre, forman parte do Estado español. Do contrario, se permanecemos téped@s e resignad@s, a esperanza esmorecerá sen remedio.

Viva Galiza ceibe!
Viva a Revolución Galega de 1846!
Sempre Abril!. Abril Sempre!

Na Galiza, 29 de Abril de 2020

Assine este abaixo-assinado

Dados adicionais:


Por que você está assinando?


Sobre nós

O AbaixoAssinado.Org é um serviço público de disponibilização gratúita de abaixo-assinados.
A responsabilidade dos conteúdos veiculados são de inteira responsabilidade de seus autores.
Dúvidas, sugestões, etc? Faça Contato.


Utilizamos cookies para analisar como visitantes usam o site e para nos ajudar a fornecer a melhor experiência possível. Leia nossa Política de Privacidade.